Sunday 28 de April de 2024

Turismo de Galicia leva a promoción dos centros BTT a Madrid na Feira Unibike 2015


Turismo de Galicia instalou neste certame turístico un stand para promover o cicloturismo e a bicicleta de montaña na Comunidade galega

Fin de semana para a promoción dos centros BTT de Galicia e o cicloturismo galego en Madrid. Desde o pasado venres e ata domingo, Turismo de Galicia estivo presente na feira Unibike, o certame máis importante de España no eido da promoción desta modalidade turística, para dar a coñecer a oferta galega ao público en xeral e manter contactos con operadores turísticos especializados, co obxectivo de organizar viaxes cara a Comunidade galega coa práctica deste deporte como motivo principal.

Deste xeito, Turismo de Galicia instalou un stand para acoller aos visitantes interesados na oferta turística galega relacionada co cicloturismo e a bicicleta de montaña, e ofrecer información específica dos lugares e as posibilidades coas que conta a Comunidade galega.

Ademais, Turismo de Galicia participou no Foro Unibike no que presentou a rede de centros BTT de Galicia formada polas instalacións do Salnés, en Pontevedra, e Porta de Galicia e O Xurés, en Ourense.

Nesta contorna, representantes de Turismo de Galicia reuníronse tamén con nove operadores turísticos de Italia, Holanda, Gran Bretaña e Alemaña –os países con máis afección ao deporte de bicicleta de montaña- para presentarlle a oferta turística galega ao obxecto de que estes organicen viaxes cara á Comunidade galega

Centros BTT
Promovidos por Turismo de Galicia, a Comunidade galega conta cunha rede de centros BTT para a práctica da bicicleta de montaña situados en Meis, Centro BTT O Salnés, no leste de Ourense, Centro BTT Portas de Galicia, e no sur desta mesma provincia, Centro BTT O Xurés.

Ademais está prevista a próxima inauguración do centro BTT da Ribeira Sacra, tamén na provincia ourensá.

Centros BTT Galicia é un proxecto que pretende dotar á Comunidade Autónoma de Galicia dunha rede de centros para a práctica con bicicletas todo terreo (BTT) e que na actualidade xa ofrece máis de 500 quilómetros de rutas acondicionadas e sinalizadas para gozar da bicicleta de montaña

Un Centro BTT é un espazo ao aire libre, deseñado e preparado para usuarios da BTT, que posibilita o coñecemento do medio rural e natural desde a perspectiva do ciclismo, tanto no eido competitivo como no do lecer.